BENVIDO A MIUDIÑO

Da xuntanza de tres inquedanzas medradas no asociacionismo cultural vigués, na música popular e no traballo artesanal xurde Miudiño Sociedade Cooperativa Galega, aparato loxístico que mestura cultura popular e patrimonio natural e cultural galego co gran mundo miúdo dos nenos e nenas.
 

Miudiño é Produción Cultural

 

Contratación das diferentes propostas de Cé orquestra pantasma (home orquestra, integrante da cooperativa), así como os Obradoiros xogueteiros e musiqueiros, de construción de brinquedos e instrumentos e Xogando Miudiño, un fermoso espazo de aluguer de xogo libre con xogos e xoguetes tradicionais.

Miudiño é Tenda de Xoguetes

 

Venda de xogos e xoguetes artesáns, de fabricación propia no Obradoiro Miudiño e cumprindo coa normativa 2009/48/CE sobre a seguridade dos xoguetes. Dirixido tanto a particulares que queiran gozar de xoguetes de calidade, coma a colectivos que queiran crear o seu propio espazo xogueteiro (asesoramos na construción do mesmo).

Conxugamos artesanía con seguridade e sustentabilidade, apostando polo mundo natural, tanto nos materiais empregados coma nos acabados. Os xoguetes feitos en materiais nobres ofrecen peso, olores, temperatura e textura que estimulan a discriminación sensorial, o coñecemento do medio, a transmisión de valores. Porque xogar é o mais importante que ten que facer un neno, os xoguetes son o reflexo dunha nova sociedade que podemos construír.

Presentamos o noso
I Catálogo de Brinquedos Tradicionais, colección de xogos, xoguetes, bonecas e bonecos  que esperamos que sexan do voso agrado.

Miudiño é Editorial

 

A editorial serve de plataforma para dar saída ás inquedanzas creativas da cooperativa que precisen dun formato libro ou libro-cd. Iniciamos a nosa andaina co libro disco para bebés  Fíos Do Querer. Un ano despois da súa saída á venda vai pola segunda edición, con máis de 50 presentacións feitas en Galicia e 1500 exemplares vendidos.

 

Pois entre madeiras e serróns, bombos e acordeóns, contos, lendas e cancións, fai a súa andaina Miudiño S. Coop. Galega: outro xeito de xogar, bailar, cantar e soñar.